As principais ‘mareas’ municipais manteñen o seu órdago á coordinadora de En Marea. A directiva que lidera Luís Villares apunta a que a renovación da cúpula da formación non se producirá ata xaneiro, unha situación que preocupa aos “alcaldes do cambio” polo temor a que o conflito estoupe en plena precampaña electoral de cara aos comicios que se celebrarán, previsibelmente, en maio.
Noriega desbota “calquera valoración que se faga en clave de toma de poder”
O alcalde de Santiago pediu este mércores “responsabilidade” ás e os dirixentes da formación, e desbotou “calquera valoración que se faga en clave de toma de poder e non de representatividade”. Con estas verbas, Noriega facía referencia ás críticas que terían vertido, nas últimas horas, persoas afíns a Villares, quen consideraban que a estratexia de CA tiña por obxectivo gañar postos na coordinadora.
Hoxe tamén se manifestou ao respecto o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientando a “evidencia” de que hai “cousas mellorables” na directiva do espazo. A Marea Atlántica valora seriamente apoiar a proposta de Compostela Aberta a respecto desta cuestión.