As Administracións seguen a voltas coa ubicación da nova EDAR. Este mércores, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, mantiveron un encontro en Vigo con representantes de Acuaes e Augas de Galicia, co obxectivo de pór sobre a mesa a opción de ampliar as actuais instalacións da Silvouta.
O Concello entregará un informe para abrir o estudo comparativo
“Queremos que se faga unha comparativa sobre que opción sería mellor a nivel económico e ambiental”, expresou Noriega. O rexedor confía en que ambos organismos, dependentes do Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta respectivamente, recapaciten e “consideren” a opción proposta polo Concello e avalada por técnicos da USC. Finalmente, acordouse que o Goberno compostelán entregue un informe para abrir o estudo comparativo de alternativas da EDAR.