O alcalde de Santiago e candidato por Compostela Aberta, Martiño Noriega, xunto o rexedor de Teo que agarda recuncar no cargo coa formación Son de Teo, Rafael Sisto, presentaron nunha rolda de prensa conxunta a súa proposta de fusión de ambos concellos para conformar unha “gran capital”. En concreto, comprométense á elaboración dun convenio de fusión de ambos concellos e sometelo á opinión da veciñanza a través dun referendo na próxima lexislatura.
Ambos alcades e candidatos defenden esta proposta ó considerar que na comarca existe unha “realidade social” e “territorial” que non se corresponde coa “administrativa”. Considera que tanto Teo como Compostela gañarían “peso” e “importancia” coa fusión de ambos concellos ademais dunha mellora na xestión dos servizos públicos.