Noriega acusa ao PP de “instrumentalizar” o ‘caso Quinteiro’

O alcalde responde á acusación de Agustín Hernández de “estar cos seus amigos de Podemos” no canto de “defender aos santiagueses”

- Publicidade -

Continúa a polémica pola actuación ante a Policía da deputada de En Marea Paula Quinteiro hai dúas semanas. Este martes, o PP de Santiago anunciaba unha moción no Pleno para que Compostela Aberta explicase, en palabras de Agustín Hernández, “se o Goberno local está cos santiagueses ou cos seus amigos de Podemos”.

O alcalde, Martiño Noriega, acusa a Hernández de “instrumentalizar” este asunto e lémbralle que é unha persoa “desmemoriada” e “desacreditada” logo da polémica xerada polas súas imaxes vertendo lixo ao río Sar.

Hernández pide que nos personemos nun caso con incidencia menor cando habería que telo feito cando el verteu lixo ao Sar

Pola súa banda, Noriega asegura estar “demasiado centrado” na política municipal e a “defensa da unidade popular” en Compostela e non entrará en máis valoracións sobre o caso de Quinteiro. Deste xeito, desmárcase dos “asuntos internos” do grupo parlamentario e empraza ao mesmo a procurar a resolución do conflito.

División de opinións en En Marea

Este mesmo luns, o voceiro de En Marea, Luís Villares, pedía a dimisión de Quinteiro, unha cuestión que será consultada ás bases do partido instrumental. Pola súa banda, Carmen Santos, líder de Podemos Galicia, cualificou a Villares de “insensato” por “reabrir feridas” coas súas verbas, agudizando aínda máis un conflito que non semella ter unha solución sinxela.