
Conversamos con algunhas das poñentes que estes días estiveron no Centro Social A Comuna da Coruña, nas xornadas sobre traballo sexual canceladas pola Universidade da Coruña. Falamos con María José Barrera, Conxa Borrell e Ninfa.
María José Barrera é ex-traballadora sexual e parte do Colectivo de Prostitutas de Sevilla. Para ela, o abolicionismo institucional apoiado polas universidades afecta ás traballadoras e é debido, en última instancia, a unha intención de privatizar os servizos sociais e a educación pública: “Non queren que estemos nas universidades. Non queren que desbaratemos o que financien as universidades. Están adoutrinando para o abolicionismo e para a privatización dos servizos sociais.”
María José Barrera: “Están adoutrinando para o abolicionismo e para a privatización dos servizos sociais”
Ninfa é traballadora sexual e integrante de AFEMTRAS: “A prostitución, nunha suposta alegalidade, estase levando ao prohibicionismo a través do abolicionismo institucional, que avala moitas leis punitivas. Cando din que non están en contra das mulleres, que só están en contra do putero, non é verdade.” Sobre a lei mordaza, afirma: “Aínda que poderían facelo, a nós non nos multan por multan por ser putas, múltannos por desobediencia á autoridade. E iso pódelle pasar a calquera activista.”
Ninfa, en referencia á lei mordaza: “O abolicionismo institucional avala moitas leis punitivas”
Conxa Borrell é secretaria xeral do Sindicato de Trabajadoras Sexuales OTRAS: “Preguntarnos ás traballadoras sexuais porque debemos ter dereitos laborais é como preguntarlle a un mineiro que porque eles deben ter dereitos laborais. A sociedade baséase nun establecemento de leis e dereitos e as putas non podemos ser menos”
Conxa Borrell: “A sociedade baséase nun establecemento de leis e dereitos; as putas non podemos ser menos”
Durante a xornada final das xornadas, as organizadoras enviaron un comunicado onde reivindicaban o seu dereito a expresarse: “Temos o convencemento de que a nosa loita polos dereitos humanos é xusta e lexítima.”
Trala clausura das xornadas na Comuna, tiveron a oportunidade de entrar -con permiso dun profesor da UDC- na Facultade de Dereito, onde realizaron un acto simbólico para rematar estes días de debates e censuras. E remataron: “Non queren que falemos, berraremos”