O venres 30, a Xunta volvía publicar no DOG a aprobación definitiva dun proxecto extractivista, desta vez de seixo e a unha empresa noruega (ERIMSA) de capital chinés. Os veciños rexeitábana polo especial interese agrario das zonas afectadas, “concellos con máis vacas que habitantes.”
Frades e Mesía, concellos con máis ?vacas que habitantes, declarados de especial interese agrario, onde a súa principal actividade económica é agraria… Agora é territorio accesible para a minería, POR TRINTA ANOS!!!! ??? #minanon #concellodemesia #concellodefrades pic.twitter.com/8GGHUQBDFq
— Salvemos a Comarca de Ordes (@salvemosordes) August 30, 2019
Ramón Barreiro, da plataforma Salvemos a comarca de Ordes e do SLG, explica o proceso de extracción durante os trinta anos de concesión: “A explotación mineira consiste en excavar na terra, quitan o seixo e volven tapar. Eses terreos formados durante milleiros de anos altéranse de golpe e quedan afectados.”
Lembra que a concesión é “incompatible” coa produción ecolóxica, como a da Casa Grande de Xanceda, que tamén tivo recibido axudas da administración. Hai dous anos ADEGA rexistraba un texto advertindo á Xunta de que a propia administración tiña investido 1.600.000€ en empresas lácteas na zona afectada.
Ao respecto das explotacións convencionais, Barreiro ten claro que malia que “teoricamente non é incompatible pero é como se o fose”, en referencia ás axudas da Política Agraria Común. Nese sentido, explica o risco para a concesión das axudas: “As PAC están suxeitas a unha serie de requisitos que afectan á biodiversidade ou á fauna. Sen embago, para estes casos (proxectos extractivistas) non está prohibido explicitamente.”
Neste sentido critican a incoherencia da administración: “Por cousas moito menores teñen quitado axudas e pagos e sen embargo por actividades deste tipo ata o de agora non tivo consecuencias. Non hai unha coherencia na aplicación das normas.”
Sobre a decisión da Xunta: “sabemos que ignorou todas as alegacións que presentamos sobre as afectacións dos terreos agrarios, que é o medio do que vive a xente”
Aínda que a curto prazo, os labregos e labregas poden seguir recibindo as axudas, cuestiona que pasará despois da explotación, pois os terreos quedarán afectados pola mineira: “Os anos da explotación, as persoas non piden a PAC e listo, pero cando remate a extracción repoñen a finca, abonan e volven cultivar, aínda vai tardar anos en volver producir.” Ademais, Barreiro cuestiona as axudas da PAC que queden afectados pola mineira: “Que vai pasar cando pidas a PAC nun terreo que foi explotado nos anos antes?”
A aposta está clara: “A Consellería Industria aprobou a concesión moi condicionada pola existencia de explotación ecolóxicas e sabemos que ignorou todas as alegacións que presentamos sobre as afectacións dos terreos agrarios, que é o medio do que vive a xente”.
Os veciños e veciñas afectadas non concordan da administración: “Xuntarémonos para ver que podemos facer. Non imos quedar de brazos cruzados. Lamentamos o papel da Xunta (Industria e Medio Rural), que hipoteca o futuro da comarca.”