“Non hai ningunha outra forza política en Santiago que faga unhas eleccións primarias abertas”

Gran continuidade do actual equipo de goberno de Santiago na candidatura presentada por Martiño Noriega para as eleccións primarias da formación

Compostela Aberta continúa co procedemento de eleccións primarias Abertas á veciñanza e hoxe Martiño Noriega quixo facer unha primeira valoración dos acontecementos. O proceso de presentacións de candidaturas rematou como era agardable e sen grandes novidades na proposta de candidatura colectiva encabezada polo propio Martiño Noriega

Tal e como estaba previsto, candidatura encabezada por Martiño Noriega supón unha continuidade do equipo de goberno actual coa excepción de Manuel Dios, que no día de onte xa anunciara a súa decisión de non presentarse. A única novidade, entre os dez primeiros postos, recae na presenza de Álex Botello, persoa vinculada ao movemento asociativo na cidade e en especial nos eidos da mobilidade sostible e a defensa do medioambiente. Botello foi, ademais, o recente triunfador nas eleccións de Podemos na cidade

Sobre a proposta de candidatura, o alcalde de Santiago defendeu que a súa vontade está en “pechar o ciclo” iniciado en 2015 e que, por ese motivo, optaron pola continuidade do equipo. “O traballo feito durante estes catro anos merece ter unha continuidade”

Chamamento á participación

O actual alcalde de Compostela fixo un chamamento á veciñanza da cidade á sumarse ao proceso de eleccións primarias, cuxo proceso de inscripción para poder votar remata o vindeiro 15 de marzo. A candidatura de Compostela Aberta para as eleccións municipais de 2019 xurdirá deste proceso participativo algo que o propio Martiño Noriega quixo resaltar: “Non hai ningunha formación política en Santiago que faga un proceso de primarias abertas á veciñanza”.

Como destacan agora desde CA, a poucos días de pechar o proceso, xa hai máis de 300 persoas anotadas para participar nestas eleccións internas e cuxas votacións terán lugar do 22 ao 24 de marzo. A composición final da candidatura, así como a orde das persoas da mesma, sairá definitivamente dos resultados destas votacións.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego