Internet é unha arma moi perigosa. As masas nunca foron tan sinxelas de controlar como agora, os instrumentos dixitais “permiten chegar moi lonxe na manipulación das conciencias”, explica a Nós Televisión o xornalista catalán Lluís Bassets. O ciclo PENSARMOS do Consello da Cultura Galega convidou a Bassets para participar nunha ponencia arredor dos fascismos dixitais, dos que hai uns meses escribiu en El País.
“O mundo dixital non é fascista“, comenta, máis ben “non hai fascismo sen Facebook” opina facendo referencia ás empresas donas das redes sociais máis empregadas, “multinacionais americanas máis poderosas que moitos estados“. As diferenzas entre os fascismos do século XX e os de hoxe son claras, pero “a nivel de manipulación de sentimentos de odio, de xenofobia, de exclusión… o parecido é enorme”, engade.
O facer dos políticos está en moitos casos relacionado coas fake news, eses “bulos” que sempre existiron, como di Bassets, e que crean realidades paralelas tan válidas coma calquera outra. A gran característica destes mundos inventados é que “aos seus seguidores non lles importa que sexa falsa”, opina, “porque o que lles gusta é o seu significado, e polo tanto segue mantendo esa postverdade, chamémola como sexa“, engade.
“Controlar a tecnoloxía antes de que nos controle a nós”
O poder que outorga a tecnoloxía, ás veces deliberadamente, para a manipulación e a radicalización das masas é só unha proba do control que se pode exercer se se sabe usar. A lexislación, se ben é confusa, sobre todo é insuficiente, e a correa que empresas como Google e Facebook teñen posta na socieda é cada vez máis pequena. Se cabe.
A entrega voluntaria da privacidade é xa por si mesma escandalosa. O criterio de que saímos gañando empregando internet a cambio dos nosos datos, conversas, imaxes, búsquedas…, e básicamente todo o que facemos, igual precisa un reaxuste. Non toda a tecnoloxía é boa. Sobre todo vendo como é posible a partir de perfís sociolóxicos manipular unhas eleccións.