Nova agresión lingüística rexistrada en Lugo. Unha muller asegura que dúas funcionarias da delegación da Xunta en Lugo negáronse a atendela en galego cando o solicitou. “Yo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego y, como soy funcionaria, puedo hablar en el idioma que quiera”, expresou presuntamente unha das dúas persoas que atenderon a chamada telefónica. Esta circunstancia vulnera o regulamento interno da Xunta, polo que A Mesa pola Normalización Lingüística esixe ao Goberno galego que tome partido neste conflito, segundo informou a súa secretaria Mónica Pazos.
“Yo hablo castellano y puedo hablar en el idioma que quiera”, expresou presuntamente unha das funcionarias denunciadas
A persoa que puxo en coñecemento d’A Mesa a súa situación, denuncia tamén que as funcionarias que a atenderon pronunciaron mensaxes que poderían ser consideradas “enaltecemento do franquismo”. Segundo esta versión, as dúas traballadoras da Xunta terían afirmado “Ojalá que volviese Franco, que buena falta hacía”, así como outras verbas que terían amosado “nostalxia” da ditadura.
A Mesa presentou formalmente a denuncia
A Mesa presentou formalmente unha denuncia ante a Consellería de Presidencia, a Valedora do Pobo e a propia Xunta de Galicia, mais a única resposta recibida polo de agora é que a Administración está “a estudar” o caso e que, se procede, abrirase un expediente sancionador ás dúas funcionarias, que se negaron a responder en galego malia posuír o certificado da lingua CELGA 4.