
A piques de comezar o curso escolar, A Mesa Normalización Lingüística estrea “Os meses do ano”, un videoclip dun tema de Magín Blanco ilustrado por Xulia Vicente a partir do seu libro O tempo cronolóxico.
A canción forma parte da campaña da Mesa, AGAL e Fundación Vía Galego pola recuperación dos nomes tradicionais da semana, de segunda a sexta: “Estas denominacións son moi emblemáticas para o espazo lingüístico galego-portugués, xa que é a única lingua do mundo que as posúe, popularizadas no primeiro reino da Galiza. Fan parte da historia da nosa lingua desde que ela comezou a se formar coa desintegración do imperio romano.”
A campaña inclúe video-testemuños das persoas que lembran aínda estas formas tradicionais. Para Rosalía, por exemplo, os días da semana son: “Luns, martes, corta feira, quinta, sexta feira, sábado e domingo”, e mesmo lembra unha canción popular cos nomes dos días.
A campaña ten como obxectivo último animar ao uso das formas tradicionais: “Somos conscientes da debilidade desta serie no galego oral da actualidade, mais se queremos legar un galego xenuíno ás novas xeracións, temos a responsabilidade de as promover sempre que puidermos.”