Xa están aquí as Festas do Apóstolo. Esta mesma noite, a praza do Obradoiro dará a benvida a unha das celebracións máis emblemáticas da cidade. Ás 22.30 horas, nas balconadas do Pazo de Raxoi, a actriz compostelá Nerea Barros dará o pregón co que se iniciará o Apóstolo 2018. A protagonista de películas como A Illa Mínima reflexionará no seu discurso sobre a muller galega e o patrimonio cultural da cidade.
O pregón de Barros comezará ás 22.30h nas balconadas de Raxoi
Dende o Concello de Santiago amosan satisfacción pola elección deste ano, que continúa a tendencia das últimas edicións de “amosar as diferentes caras de Compostela”. En 2015 tocoulle á futbolista Vero Boquete; en 2016, ao científico Anxo Carracedo, e o pasado ano, a quenda foi para a cantante Uxía. Agora Nerea Barros toma o relevo.
O alcalde, Martiño Noriega, foi quen informou persoalmente a Barros da súa escolla como pregoeira das festas, un convite que a actriz non dubidou en aceptar por mor do seu “orgullo picheleiro”. Este será o seu primeiro pregón.