O concello de Narón segue a mostrar a súa cara máis solidaria. Nesta ocasión fíxoo a través da sinatura dun convenio coa asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) en Galicia para realizar o coñecido programa “Vacacións en Paz”.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, acompañada da Concelleira de Acción Social, Catalina García, e Maite Isla, presidenta de Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, rubricaron o acordo que consiste nunha achega de 7.000 euros para esta actividade.
“Vacacións en Paz”
Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto , que en Galicia desenvolve SOGAPS, a petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.