Representantes de oito festivais musicais galegos presentaron en Compostela unha nova asociación co obxectivo de medrar coordinándose. Atlantic Fest, Festival de la Luz, Revenidas, Ribeira Sacra, Sinsal SON Estrella Galicia, SonRías Baixas, Vive Nigrán e WOS Festival SON Estrella Galicia son os promotores e entre eles suman, cada ano preto de 300.000 persoas cunha incidencia en redes sociais que chega a 100.000 seguidores.
Na rolda de prensa de presentación participaron representantes de todos eles cunha idea en común: non son competencia e si, baixo un esforzo coordinado, poden consolidar novos públicos no territorio. Parten da premisa de que paga a pena construir un modelo produtivo que beneficie estratexicamente a todas as partes implicadas: público, institucións, territorio e organizadores.
Festivais de calidade
“O reto é construír un modelo de festival en calidade, profesionalización e seguridade”, sinalaba Jordi Lauren, do festival SonRías Baixas. Sobre a base de crear festivais de música únicos, diferenciados, con valores singulares, adaptados á realidade do noso entorno social e xeográfico, seguros e sostibles, en armonía co territorio e co medio ambiente.
A asociación, sinalaron os promotores, esta aberta e busca incluir distintas sensibilidades, ubicacións, e contextos: urbanas e rurais, de interior e de costa.