A música jazz protagonizará o festival que acaba de nacer en Santiago: o “Primavera Jazz”, no que participarán un total de 15 artistas dende o 8 ao 12 de maio. Trátase dun proxecto impulsado polo concello que conta coa colaboración da Asociación Veciñal Raigame, do Ensanche, e da Asociación Cultural Cidade Vella.
Ánxeles Porto, da Asociación Cultural Cidade Vella, di que esta iniciativa en común “pretende unir sensibilidades” e que a diversidade de estilos de música fai que “a cidade palpite”. O jazz leva consolidado na cidade de Santiago dende hai xa trinta anos, dende a apertura da Escola Estudo, “da que saíron músicos e músicas de gran nivel” e que creou un “público cultivado neste xénero, di Ánxeles Porto. Ela mesma asegura que este festival é “un recoñecemento e unha recompensa aos artistas desta cidade”.
Os concertos celebraranse en espazos públicos e en diferentes locais da zona vella e do ensanche, e todos eles serán de balde.