Festivais de cinema hai moitos mais faltaba un dedicado ao mundo infantil. Por este motivo xorde “Cinema Crianza” que se celebrará durante os días 15, 16 e 17 de decembro en Ames, o concello con maior porcentaxe de poboación infantil de Galicia. As proxeccións terán lugar nos auditorios das Casas da Cultura tanto de Bertamiráns como do Milladoiro. A programación estará diferenciada por rangos de idade na que haberá lugar para o cinema de animación, ficción e documental. Haberá dúas seccións competitivas de curtametraxes e unha programación fóra de concurso. O prazo para a inscrición de pezas audiovisuais remata o 30 de outubro e xa se recibiron arredor dun milleiro de filmes.
Marcos Nine
O director artístico de “Cinema Crianza” será o recoñecido cineasta Marcos Nine. Haberá unha sección competitiva, na que se premiará ás mellores curtametraxes para un público de entre 0 e 3 anos e para o público maior de 3 anos, e outro apartado non competitivo.
As proxección van a estar organizadas para tres tramos de idades diferentes: para nenos/as de 0 a 3 anos; para rapaces e rapazas de 4 a 7 anos e para mozos/as de 8 a 12 anos.
A inscrición é gratuíta e debe realizarse a través das plataformas habilitadas, ás que pode accederse por medio da páxina web do festival www.cinemacrianza.com e www.festhome.com. O concurso está aberto a películas de todas as procedencias, garantindo así a diversidade e o carácter internacional do festival. Dende o pasado 14 de agosto xa se recibiron 1.110 traballos de 90 países diferentes.