No medio do conflito entre a Xunta e a Xustiza e a oposición cidadá á crecente privatización da Sanidade pública, aparece en escena outro problema que leva meses latente: o estado do sistema público de pensións. Este martes, unha multitude de pensionistas manifestouse nas principais cidades galegas esixindo unha mellora substancial nas súas pensións, fronte á suba do 0,25% actual que “non supón ningunha axuda”, tal e como apuntou Andrés Fernández, membro da plataforma.
O colectivo de pensionistas denuncia a “campaña de privatización” do Goberno central
Debido á decisión do Goberno central de non incrementar a contía das pensións dun xeito equivalente á suba do IPC, as e os pensionistas denuncian que están a perder poder adquisitivo “ano tras ano”. Así e todo, lamentan a “campaña de privatización” orquestrada dende Madrid para fomentar que a mocidade abra plans de pensións privados e desconfíe do sistema público. Este colectivo de pensionistas comezou as mobilizacións hai catro anos e seguirá “ata que sexa necesario” loitando polas súas pensións e as dos seus fillos e fillas, que se ven “realmente ameazadas”.