Carmen Rey non é unha escritora convencional. Fóra de elitismos e cun gran apego polo pobo e o idioma, a autora de Mazaricos fica núa por dentro ante as cámaras de Nós Televisión. “Non sabía nada de literatura polo que foi unha aventura, un risco, un atrevemento”, recoñece Rey que decidiu escribir ‘Escapados’ despois de pasear polo Monte Pinto, onde se refuxiaban os fuxidos tras o golpe militar. Rematada a novela, Rey pensou: “E agora que fago con ela? Non tiña contactos nin coñecía a ninguén” así que decidiu enviala a varias editoriais sendo a primeira en contestar Touxosoutos.
A primeira presentación do libro sería na Casa da Cultura de Mazaricos. “Por extraño que pareza, estaba a rebentar”, indica. “Nunca fun tan feliz coma ese día”. “Houbo xente que mesmo chorou un pouquiño, estaban moi contentos por min“. Agora mesmo, traballa na súa última novela. “Resúltame fácil escribir, o malo é facelo ben”, exclama. Rey non ten cartos para pagar a quen lle axude a detectar os erros da novela, un dos aspectos que lle resulta máis complicado.
“Estudiei ata os dezanove anos e logo embaraceime. Fíxenme mamá, gandeira, coidadora de enfermos, fixen o mesmo que todas as mulleres da aldea“. Nese tempo, e ata o 2012, non collera un libro na man. A doenza do seu pai acabou desenvolvendo as súas ansias pola escritura que comezaron con pequenas obras de teatro, algunhas delas representadas na Casa da Cultura de Mazaricos. “Non é teatro para gañar concursos pero si para divertir á xente”.
“Tanto ‘Mulleres’ como ‘Escapados’ son dúas novelas moi afincadas ao rural“, explica. “Escapados en realidade fala da vida das mulleres que quedaban na aldea cando os homes marchaban para a guerra ou a esconderse no monte“. “As máis valentes cargaban cestos con ata 400 sardiñas e subían o monte Pindo, descalzas moitas delas, e con fame. Eran heroínas, non mulleres”, explica.
“Unha autora que sae do rural sen… (titubea) é difícil. Non teño contactos ou amizadades… é difícil”. Rey non estudou galego e apostou pola nosa lingua á hora de escribir e non tiña contactos que lle abriran camiños á hora de enfrontarse ás editoriais pero conseguiu a publicación das súas obras. Carmen Rey non é unha autora convencional. A súa propia existencia como literara, e a súa concepción sobre a creación da literatura, revoluciona o vínculo desta arte co noso pobo.