Ponse en marcha o proxecto “Mutacións Urbanas, visibilizando o invisible”, da man da Cooperativa Cutural 7H e coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. O seu obxectivo é a integración social mediante creacións artísticas de diferente índole, como a música, escultura, vídeo… Todo coa colaboración de asociacións como ASPANAES, ASPAMITE , Centinelas e Down Compostela.
Axudar á sociedade desde a creación artística
Clara Cordeiro, unha das coordinadoras de “Mutuacións Urbanas”, resaltou que esta clase de proxectos que visibilizan son importantes, “porque o que non se nomea non existe”, e Branca Novoneyra explicou que non só aspiran a mudar a cidade, senón tamén “as relacións” que nela se dan.
“Mutacións Urbanas é unha aposta por achegar a creación artística a onde é máis necesaria: a sociedade”. Así, a través de disciplinas tan dispares como a pintura, o vídeo, a arte de acción, a reciclaxe ou a escultura en lá, traballarán con diversos colectivos asociativos da cidade para crear un enriquecedor espazo de experimentación artística, onde as novas miradas e as confluencias positivas activen o perdido papel de cidade como comunidade de benestar individual e colectivo.