Achégase o Día Internacional das Mulleres e o Concello prepara un amplo programa para conmemorar a data máis alá da folga feminista que se celebrará ese día tan sinalado. O acto inaugural será o vindeiro xoves 1 de marzo. A partires das 21.30 horas, a Sala Capitol será o escenario do concerto Rock & Elas, unha actividade que tenta combater as violencias machistas entre os sectores máis novos da cidadanía compostelá.
As bandas Bala e Agoraphobia ofrecerán un concerto de balde o 1 de marzo na Sala Capitol
As bandas elixidas para este evento son Bala e Agoraphobia, ámbalas dúas cunha recoñecida traxectoria nos últimos anos e compostas integramente por mulleres. Estes grupos apostan polo “punk” e o “rock alternativo”, mais caracterízanse especialmente polo seu firme compromiso coa igualdade de xénero. O Concello anima aos mozos e mozas da cidade a asistiren a este concerto a prol dos dereitos da muller. A entrada, como anunciaron as concelleiras Marta Lois e Noa Morales, será de balde.