
Non só se defende a terra con xuntanzas e informes, tamén cómpre tecer rede e desfrutar da cultura. Con esa idea na cabeza, a Asociación Cultural Culturaconfusión de Teo organiza o sábado 7 un Festival Solidario con motivo das festas do Carmelo e a presentación dun novo disco de Deseqilibrio Mental.
No festival, baixo o lema “Zona cultural, non residual”, tamén colabora a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos: “Queremos poñer en valor que a zona onde vivimos está chea de vida e de cultura.”
— plataformacasalongalimpaderesiduos (@imosfrealo) September 6, 2019
“É un orgullo colaborar neste festival solidario, no que todo o mundo aporta un pouco para conseguir moito”, afirman. No concerto actuarán tamén grupos tan coñecidos no panorama galego como Ruxe Ruxe, A Companhia do Ruído e o grupo de folk Brúa. Tamén haberá zona para cear, cantinas e espazo con xogos para as máis pequenas.
En definitiva, unha cita lúdica e cultural co obxectivo de defender a terra tecendo rede, recaudando fondos e tamén bailando. Como din desde a plataforma, “a unión fainos fortes”.
O próximo día 12, a Plataforma convoca unha xuntanza veciñal para informar do estado actual da situación e ver que accións realizar de xeito colectivo e individual, logo de que nas últimas semanas a plataforma forzase a apertura dun expediente de caducidade á empresa Toysal.