Aínda é cedo para facer unha análise polo miúdo da repercusión na cidade deste evento. O que si sabemos é que para o ano a organización do Womex 2017 terá lugar na cidade polaca de Katowice.
Rematou o Womex 2016 con éxito de participantes e de público. Máis de 2.500 profesionais das músicas do mundo. WOMEX leva celebradas 21 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Budapest) e celebrou a súa vixésima segunda edición en Compostela. Na Cidade da Cultura, Nós Televisión tivo oportunidade de falar con algunha das persoas participantes como é o caso do percusionista brasileiro Dendê que salientaba a boa sintonía do encontro.
Importante foi neste Womex a presenza dos países da Lusofonia coincidindo coa entrada de Santiago na Unión das Cidades Capitais da Lingua Portuguesa.
Na que está considerada a feira internacional de músicas do mundo máis importante a nivel internacional tamén participaron representantes institucionais de varios países. No posto de Cuba falamos con Alejandro Gomá, Vicepresidente do Instituto Cubano de Música. Portugal tamén estivo presente no Womex 2015. Falamos cun representante da promotora Ao sul do mundo que nos comentou que artistas levan de varios países de fala portuguesa.