
Xornalista e escritora, Montse Fajardo leva anos traballando sobre unha das partes máis esquecidas da sociedade: as mulleres. Fálase moito de igualdade mais é preciso que profesionais coma ela dediquen máis esforzos a explicar que acontece ao noso carón falando de primeira man coas protagonistas.
Levas varios libros dando voz ás mulleres. Desde un punto de vista de trascendencia histórica (“Matriarcas”) a un de denuncia do maltrato (“Invisibles”). Como xorde o teu interese por esta temática?
Facer libros desde unha perspectiva feminista non foi unha decisión tomada de antemán. Supoño que ten que ver co feito de que sempre entendín que o xornalismo ten a obriga de darlle voz a quen non a ten, e os meus libros son unha prolongación do meu traballo como xornalista. Neles conto historias reais de xente silenciada e historicamente, esas foron as mulleres. Querer dar voz á xente máis esquecida lévate a elas case sen darte conta.
Como xornalista que pasou por varios medios de comunicación. Que opinas da imaxe que se está a dar da muller? Mudou nos últimos anos?
Pois en xeral creo que hai unha maior concienciación sobre a necesidade de ter coidado á hora de abordar temas como a violencia machista ou os abusos sexuais. Na profesión tense máis asumido que non se pode, en ningún caso, cuestionar ás vítimas ou branquear aos responsábeis con frases do tipo “a veciñanza di que é moi boa xente”…
É hora tamén de que se pense en nomes de muller cando consultamos a persoas expertas en cuestións científicas
Aínda así, queda moito camiño por facer. Ás veces ves algún titular ou algún enfoque de novas, que fai que leves as mans á cabeza. E fíxate, fasme a pregunta e o primeiro que se me vén á cabeza son os sucesos. É hora tamén de que se pense en nomes de muller cando consultamos a persoas expertas en cuestións científicas, en arquitectura…
Todo o mundo di apoiar a igualdade, pero logo abres o xornal e as fotos dos homes que deciden e opinan gánannos por goleada.
En “Invisibles” das voz as que non a teñen en situacións extremas. Marcouche facelo? Segues o fío de actualidade deses casos?
Marcou, claro. E sobre todo, cambiou moito a miña perspectiva sobre esta problemática. Cando non pasas por algo así, opinas con moita lixeireza… Por que non denunciou? Por que non quere que o pai estea coas criaturas?…
Todo cambia cando coñeces a realidade de preto. E unha vez que pos as gafas lilas, como se adoita dicir, xa non toleras eses titulares condescendentes da veciña que di que o homicida era riquiño porque a saudaba no ascensor, ou os comentarios sobre denuncias falsas. Temos un problema grave como sociedade, e hai que deixarse de panos quentes.
Que papel xoga/ debería xogar a xustiza nos casos de violencia de xénero?
Uf! Fasme esta pregunta nun momento en que me pillas bastante enfadada pola recente sentenza contra unha das protagonistas de Invisibles, Marga Dopico. A súa ex parella matou o bebé de ambos o 2 de outubro de 2010. Ese día ela fora tres veces ao cuartel pedir axuda e o garda que a atendeu non lle fixo caso. Marga denunciouno e agora o xuíz absolve o garda alegando que ela non transmitiu de xeito adecuado o perigo que estaba correndo o seu fillo.
A súa ex parella matou o bebé de ambos o 2 de outubro de 2010. Ese día ela fora tres veces ao cuartel pedir axuda e o garda que a atendeu non lle fixo caso
Xa non é que o sistema, de novo, desoia a petición de amparo de Marga, é que a culpa. E a sentenza non é unha excepción. A xustiza, en xeral, dálle ás costas ás mulleres. Se neste caso, que desgraciadamente os feitos demostraron que Marga tiña razón, e pasou o máis grave que lle pode pasar a alguén, seguen dicindo que o sistema fixo ben en non axudala, qué pasará cando acude ao cuartel unha muller denunciar un maltrato psicolóxico? É frustrante atopar sentenzas así a estas alturas, porque está claro que a xustiza é un eixe fundamental para loitar contra o maltrato.
“Invisibles” pasou ao teatro, outra plataforma máis para visibilizar esta lacra. Como se podería concienciar á sociedade de que rexeite o maltrato hoxe que mesmo hai formacións políticas que cuestionan estas situacións e a loita feminista?
Creo que nese eido cada un e cada unha de nós ten unha responsabilidade individual ineludíbel. Xa non che digo a responsabilidade de illar formacións políticas que cuestionen ou critiquen abertamente a loita contra a violencia de xénero. É necesario ademais deixar de rir o chiste machista no bar, e sobre todo rachar coa neutralidade. Porque a mesma xente que bota as mans á cabeza cando sae no xornal un novo caso de violencia machista, logo, cando é o seu curmán, o seu amigo, o seu fillo o denunciado, cuestiona á vítima, pona en dúbida, ou simplemente di: “eu vou seguir convidando a ambos a cear, e quen queira que veña”. O maltratador irá porque non ten nada que temer. A vítima quedará na casa.
É necesario ademais deixar de rir o chiste machista no bar
A neutralidade illa ás vítimas, temos que tomar parte, poñernos do seu lado. É moi importante concienciar á sociedade do que sofren as mulleres, e nese sentido, que Invisibles estea nos teatros é impagábel. Máis con esa versión marabillosa e tan premiada que fixeron para Redrum, Marián Bañobre e Santi Cortegoso, e que interpretan con moitísimo respecto e cariño Sheyla Fariña, Nieves Rodríguez e Mela Casal. Son marabillosas e o que fan para poñer o foco sobre o invisíbel é impagábel.