A Academia Galega do Audiovisual acaba de publicar o listado de candidaturas aos premios Mestre Mateo 2020. Entre as candidatas, atópase a webserie Monstras de Corentena Producións. Trátase da primeira webserie feminista de ficción e en galego que, ademais, conta cun equipo formado integramente por mulleres. Polo de agora, só se puido ver o primeiro capítulo: ‘Pánico’ no que catro mozas chegan de madruga á casa da amiga dunha delas: aconteceu algo do que non poden falar.
Equipa só de mulleres
A guionista e directora Éire García, a directora artística Miriam Carril, as actrices Mariña López, Patricia Torres, Alex Rei e Paloma Saavedra ou a fotógrafa Beatriz Saiáns son algúns dos nomes que compoñen o elenco desta webserie. Corentena Producións aparece a finais do ano 2018 cun equipo de mulleres que xa realizaran traballos como ‘Azul Eléctrico’ (2016), Trioloxía da Riva Vol. 1 A Dor (2018) e As Mulleres Salvaxes (2019).