MJ Pérez presenta ‘Canción Legüera’ gravada a distancia durante o confinamento

O tema pertence ao último disco da cantautora, 'A Luz Prendida'

A cantautora MJ Pérez saca á luz un novo vídeo no que interpreta coa súa banda o tema ‘Canción Legüera‘, incluído no seu último disco ‘A Luz Prendida‘. Trátase dunha versión gravada na distancia durante o confinamento.

Xunto con MJ Pérez atopamos a Ailén Kendelman ao bombo legüero (instrumento típico do folklore arxentino), Laura Romero ao baixo e Iván Bernardez á guitarra eléctrica. Trátase dun tema que bebe da música de raíz con tintes de folklore latino mais sen perder a esencia da cantautora arzuá.

Que hai detrás do tema ‘Canción Legüera’?

“Canción Legüera” fai alusión ás minas -“cando os ríos leven a cor do metal…”- aos incendios -“cando xa non quede nada para queimar e todo sexa inferno”-, á contaminación -“cando non quede aire para respirar”-, mais tamén fai alusión á loita: “non falemos de imposibles, porque o que está por vivir ninguén por nós o decide”. Unha crítica á clase política e ás grandes empresas “nunca miraron por nós, negociaron co futuro”, coa fé posta nas persoas e na unión que pode facer posible un cambio de rumbo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego