Home Programas Espazo Aberto Mittermeier, a fotógrafa activista dos mares

Mittermeier, a fotógrafa activista dos mares

Mittermeier, a fotógrafa activista dos mares

Fotógrafa e activista. Cristina Mittermeier (México, 1966) conxuga estas dúas facetas co seu amor ao mar e ás súas xentes. A Sede Afundación de Santiago de Compostela acolle ata o 2 de setembro a exposición “Terras de salitre”, un percorrido por varias culturas que teñen en común o medio marítimo malia as distancia que as separa.

Hawai, Madagascar e Galicia son algúns dos lugares que Mittermeier visitou para coñecer en profundidade a relación que ten a poboación co seu medio e os perigos que os arrodean. A súa obra non procura o artificio estético en si mesmo, todo o contrario. As imaxes relatan a convivencia, cada vez máis dificil, do ser humano co seu entorno.

Activista

Para entender a obra de Mittermeier hai que seguir a súa traxectoria como activista. Fundou en 2005 a International League of Conservation Photographers (ILCP), da que foi presidenta ata 2011. Forma parte da WILD Foundation e do Chairman’s Council de Conservation International ademais de cofundar o seu propio grupo de conservación oceánica: o SeaLegacy.org.

Os seus traballos figuras en publicacións tan importantes como a revista National Geographic onde colabora desde o 2010. Mostrar a verdade incómoda do que está a pasar cos nosos mares levouna a lugares ben diferentes como o Ártico onde reseñou as consecuencias do cambio climático ou a relación sustentable dunha comunidade de pescadores dos arrecifes de coral no Brasil.

Galicia e o mar

A fotógrafa mexicana visitou o noso país o ano pasado e estivo na vila de Noia onde tivo a oportunidade de coñecer de perto o traballo das mariscadoras. Na nosa costa visitou A Guarda onde retratou ás redeiras, a Ría de Vigo coas súas bateas e Baiona coas percebeiras.

Estas imaxes, en primicia, forman parte desta exposición. O seu traballo en Galicia tivo moita repercusión e mesmo unha das súas imaxes foi escollida por National Geographic para publicala no seu libro de fotografías máis populares do ano.