Migallas: a carta aberta das nais e pais de Brión á nova Conselleira de educación

Un mes despois da toma de posesión de Carme Pomar, en Brión continúan á espera de que a nova conselleira reciba a unha representación do centro

Reproducimos a carta aberta enviada polas nais e pais de Brión á concelleira de Educación da Xunta de Galicia


 

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Prezada Conselleira de Educación,

Vai para un mes xa dende a súa toma de posesión… Emocionante aquel 27 de setembro, verdade? Para a comunidade educativa do IES DE BRIÓN, ese día tamén quedou marcado no almanaque, tamén foi un día de decisións importantes: concluimos dúas semanas completas de peche no centro e aulas baleiras para reclamar a dotación de profesorado que precisa o noso Instituto. Fóronlle quince días de mobilización duros, Conselleira, sobre todo ó percatarnos do abismo que existe entre o que acotío lles escoitamos dicir ós responsables políticos en público…e o que logo se fai realidade no día a día. Refrescámoslle a memoria, visto que polo momento teremos que seguir agardando pola entrevista solicitada con vostede: as familias do IES DE BRIÓN decidiron non quedar caladas observando como se estragaba a calidade do ensino no noso centro.

A matrícula no Instituto non deixou de medrar, nomeadamente dende o traslado a Pedrouzos, sen embargo, o cadro de persoal non se ten reforzado na mesma progresión. A “pelexa” de tódolos comezos de curso tornouse desta volta inadmisible porque o departamento que vostede agora dirixe teimaba en manter o mesmo número de profesores provisionais que o ano pasado, malia que o alumnado se incrementou en 31 persoas. Para a Inspectora dona Carme Ares, (a “nosa inspectora”) con sete docentes, “optimizando os recursos” (textual) tiñamos abondo. Para a dirección do IES, con menos de dez era ”imposible cadrar horarios, salvo desmantelando o centro” (tamén textual).

As familias do IES DE BRIÓN decidiron non quedar caladas observando como se estragaba a calidade do ensino no noso centro

Que cousas ten a linguaxe, verdade? Para a señora Ares, “optimizar” era eliminar o grupo de PMAR (reforzo educativo) en 3º de ESO, concentrar a todo o alumnado de 4º en dous grupos (30 e 31 por aula, respectivamente) e recortar a oferta de optativas en Bacharelato. Buscamos en moitos dicionarios, señora Conselleira, pero en ningures atopamos “optimizar” e “desmantelar” como sinónimos… aprendémolo grazas á (agora) súa inspectora. Tamén grazas a ela tivemos de primera man a versión menos “políticamente correcta” do que supoñen os Programas de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento (PMAR)… “Son moi caros para o rendemento que tiran algúns…” (tamén textual). Comprende por que non nos quedou outra que movilizarnos, señora Conselleira? O inicio do curso en Brión retrasouse dúas semanas, un tempo no que, mentres no centro se turnaban representantes das familias para manter o peche día e noite, outros petaban en tódalas portas que nos foi posible para tentar acadar unha resposta positiva á nosa reclamación. Xefatura de Inspección, Xefatura Territorial, Recursos Humanos… ata co seu antecesor falamos de emprestado en dúas ocasións nese tempo… pero presuntas “razón técnicas” facían imposible cambio ningún. Ata o día en que a nosa reivindicación chegou ó Parlamento galego: curiosamente, só unhas horas antes de que Román Rodríguez tivese que respostar a dúas preguntas no hemiciclo, recibimos “a oferta que non podíamos rexeitar”…como dicían naquela famosa película de protagonistas de apelido italiano e cabezas de cabalo agochadas ós pés da cama. As razóns eran tan técnicas que se rematabamos as protestas e comezaban as clases de inmediato, podiamos contar con algunhas horas de profesorado de reforzo…se non, tan técnicas eran esas razóns, a oferta caducaba tamén de inmediato. Regalo envelenado, chamoulle inocentemente alguén. Tamén, chantaxe.

Foi por iso que o mesmo día en que vostede tomaba posesión como Conselleira de Educación, no IES DE BRIÓN celebramos unha asemblea (novamente multitudinaria) para decidir se mantiñamos peche e aulas baleiras ou aceptabamos que dous docentes adscritos a outros centros da contorna viñesen impartir algunhas horas de clase ó noso. Estaba lonxe das nosas esperanzas…pero permitiu volver a poñer en marcha o grupo de reforzo en 3º da ESO, evitando así que parte do alumnado tivese que repetir curso. O esforzo non fora baldío e por responsabilidade, a “súa oferta” prosperou. Detalle curioso, señora Conselleira… un dos profesores que vimos de recibir en Brión imparte aquí o triple de horas que no outro instituto ó que está adscrito…supoñemos que é por razóns técnicas, nada que ver con que NON figure por ninguna parte que ó IES de Brión se lle adxudicou un docente máis. Migallas, dona Carme.

No día da súa toma de posesión, escoitámola dicir que asumía o cargo con “enorme responsabilidade, porque entende que a educación é un dos piares do desenvolmento dun país”. Xa temos algo en común, señora conselleira! Engadiu que agarda que “a súa experiencia de máis de 20 anos na Universidade contribúa a entender o proceso educativo más aló das paredes dunha aula… un proceso diverso, inclusivo, multidisciplinar…” E tamén falou de “excelencia”… Fantástica, señora Conselleira! Cando nos reciba, habémoslle levar unha compilación dos recoñecementos que acadaron ano tras anos alumnos do IES de Brión polos seus traballos en materias diversas… O último, neste mesmo mes de outubro: ”1º Premio de innovación Educativa: Programación, Robótica e Impresión 3D”, outorgado precisamente polo seu departamento. Cousas da vida: as rapazas e rapaces que deseñaron o BriónXBot non poden este curso facer Robótica… a “optimización de recursos”, que diría a súa inspectora. O desmantelamento, que dicimos outros. Preguntámonos se este é o camiño para que o alumnado continúe aquí os seus estudos ou máis ben todo o contrario. Porque os creadores do BriónXBot querían perfeccionar o proxecto en 2º de BAC, pero xa non poden facelo: non entra no temario de Estatística ou Tradución…as materias optativas entre as que tiveron que elixir.

Agardamos que nos poida recibir o antes posible e poidamos compartir puntos de vista sobre todas estas cuestións: calidade do ensino, excelencia, atención á diversidade… De seguro que non estamos tan lonxe: mesmo se nolo propoñemos, ata poderemos concordar nos camiños a seguir.

Señora Conselleira: nós non pretendemos que nos dean toda a bola de pan, pero tampouco pense que imos quedar tranquilos con migallas.

A Anpa do IES DE BRIÓN

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -