A internacionalización do modelo de mobilidade pontevedrés é xa unha evidencia. Os grandes encontros sobre esta problemática en relación ás grandes cidades ollan para a urbe do Lérez como exemplo a seguir.
Unha delegación municipal, encabezada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, están estes días en Ciudad de México para participar en Mextrópili 2018, Festival de Arquitectura e Cidade. Mesas redondas, unha conferencia do alcalde e a sinatura dun protocolo de colaboración coa Secretaría de Desenvolvemento Económico do Estado de Cidade de México serán os actos máis importantes da viaxe mais tamén realizarán unha visita á Casa de Galicia a petición da propia comunidade galega emigrada.
Espazo de colaboración
O protocolo que asinarán ambas institucións contará con cinco áreas de cooperación Na de desenvolvemento económico apoiarase a promoción de acordos para negocios e inversións a través do troco de información. Tamén se brindará asesoría e haberá apoio á inversión directa.