A historia de Darío Rivas, que falecía esta semana con 99 anos, converteuse na faísca que iniciou a querela arxentina contra os crimes do franquismo. Sendo neno, con sete anos, marchou a Arxentina aínda que cada verán seguía volvendo a Galicia. Pasou media vida buscando os restos de seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado polos falanxistas no ano 1936.
Lourenzo Fernández, profesor da USC e promotor do proxecto Nomes e Voces, explica que Darío enlazou a memoria de alá coa de aquí, e que sempre reclamou dende Arxentina a xustiza que se practicaba nese país. “Converteuse nun símbolo dificilmente ocultable”, dinos Lourenzo ao explicar tamén tres evidencias que Darío trouxo a Galicia dende Arxentina: a primeira, que a matanza non pode quedar impune; a segunda, que ten que haber consecuencias xudiciais; e por último, que se houbo asasinatos, houbo responsables.
O seu amigo Mero dinos que Darío “foi unha figura moi importante pero descoñecida por moitos”, e o intento constante de reposición da memoria converteuno nun “heroe que se mantivo sempre en loita”. Mero tamén nos explica que Darío sempre lle dicía dende Arxentina: “vós seguides no franquismo. A liberdade aínda a tedes que conseguir.”
Para Darío Rivas a loita era o único camiño para acadar a dignidade. Mero dinos que Darío “cría na bandeira da dignidade por enriba dos partidos” e que o seu lema era que se se loitaba en serio era posible que se alcanzase esa dignidade.
Mero recorda tamén outra frase de Darío: “Hai que recuperar a memoria, senón viviremos co castigo do esquecemento”. Por iso hoxe queremos lembralo a el e a súa loita incesable.