A promoción do comercio de proximidade pasa por darlle visibilidade. Con este motivo naceu hai uns anos a iniciativa mercadillos urbanos que promove a concellaría de Emprego e Economía Social da Coruña.
Alegría e vitalidade. Esta proposta para dinamizar o comercio local está organizada coa colaboración de distintas asociacións de comercio que participan e valoran este tipo de actuacións por parte do concello coruñés. Esta nova edición dos Mercadillos Urbanos dinamizan zonas comerciais e facilitan o achegamento do pequeno comercio tradicional á veciñanza.
E ten vistas de futuro. Trátase dun programa que está “asentado, maduro e ben encaixado”. Os seus impulsores defenden o evento como innovador e, ao mesmo tempo, clásico.
Axenda
A edición desta ano comezou na Praza da Constitución a principios de setembro, seguiu nos Xardíns de Méndez Núñez a segunda fin de semana deste mes e continuou na praza de Vigo os días 14 e 15 de setembro. As seguintes citas desta actividade serán en Monte Alto os días 22 e 23 de setembro (Campo da Leña); nas Conchiñas os días 29 e 30 de setembro (Praza das Conchiñas); para rematar na Área Viva os días 13 e 14 de outubro (Praza de Pontevedra).
Os horarios destes mercadillos serán sempre de 12 a 20 horas e está prevista a presenza de espectáculos, pasarrúas e xogos infantís para facilitar a presenza de público nos mesmos.