O pasado martes tivo lugar o primeiro acto da recén constituída Rede de Plataformas
Compostela– Ulla – Tambre.
Unhas 200 persoas acudiron ao Pazo do Faramello a un acto no que a nova Rede expuxo os motivos da súa creación e presentou diante do público algúns dos problemas que afectan a comarca compostelá en cuestións de medio ambiente, saúde e economía.
Entre o público atopábase unha importante representación de políticos de case todas as forzas e ideoloxías, mesmo dispares, como os deputados Paula Prado (PP), Xosé Luis Rivas “Mini” (BNG), Paula Quinteiro e Marcos Cal (Marea), os alcaldes de Santiago de Compostela e Teo, varios concelleiros da comarca.
Os casos da mina de Touro–O Pino, a explotación de Erimsa en Mesía e Frades, os vertedoiros de Miramontes e de Lesta, o caso múltiple de Casalonga, a destilería de Rois, os eólicos e as liñas eléctricas de Ordes ou a loita por recuperar o Sar foron expostos a un público que e na súa maioría era consciente por primeira vez dos seus efectos directos e dos acumulados.

Máis actividades
Os organizadores amosaron a súa satisfacción tanto pola afluencia de público ao acto como polo interese suscitado en todas as forzas políticas e confían que os traballos de análise e difusión desta problemática contribúan a un aproveitamento mais equilibrado dos recursos naturais, a unha planificación real das estratexias económicas e a una planificación coherente das infraestruturas e o territorio.
Ademais, tamén informaron que convocarán máis actos para facer chegar estas reflexións e accións ao resto dos 51 concellos e aos máis de 400.000 habitantes afectados.