Medios cooperando como alternativa ao xornalismo competitivo

Sumámonos á campaña compartida polos medios de comunicación estatais alternativos que apostan por un xornalismo cooperativo

Artigo publicado orixinariamente en… Seguramente algunhas de vós vos fixastes nesta apostila nalgunhas das informacións difundidas por Nós Televisión. Dunha forma moi normalizada, difundimos publicacións que se cultivaron desde outros medios de comunicación cos cales establecemos acordos para intercambiarnos contidos, dunha forma libre e respectando as rutinas de cada un de nós.

O Salto Galiza, Galiza Contrainfo, Rosalía TV, GZ Música, ATTAC Galicia, Galiza Ano Cero e Kalandraka TV son as cabeceiras coas que cooperamos actualmente. Fixémolo con outros no pasado, que actualmente non están activas, porque o xornalismo autoxestionado e de base militante non sempre é un camiño doado. Son medios de alcance territorial e temáticos moi diversos: algúns con axenda xeneralista, outros altamente especializados en ámbitos temáticos; algúns con tentáculos en varios puntos da península Ibérica, outros cunha implantación máis local. Con todos eles compartimos unha filosofía de base común e unha visión do xornalismo como ferramenta para dar voz ás propostas transformadoras e para fiscalizar os poderes políticos e económicos. Loxicamente, cada quen cos seus matices, unha diversidade que respectamos e que tamén nos enriquece.

Con todos os medios de comunicación afins compartimos todas aquelas publicacións que cremos que poden ser de interese para as nosas lectoras e que nos permiten, con esta fórmula, chegar a territorios e ámbitos temáticos que, cos nosos propios medios e base de colaboradoras, quizais non poderiamos alcanzar. Tamén, na medida que as respectivas rutinas de traballo o permiten, cooperamos as unhas coas outras compartindo fontes, ideas e informacións, e tamén impulsamos traballos conxuntos que se difunden xuntos.

Nun modelo de negocio no cal prima a competitividade, o feito de chegar primeiro que o outro, de ver quen ten máis visitas e quen obteñen máis clics, entendemos que axudarnos as unhas ás outras a difundir os contidos reforza a visión conxunta dun xornalismo que concibe a información como un ben común e non como unha mera mercadoría; que entende as historias que explica como unha realidade de interese xeral que é importante que chegue a cantas máis lectoras mellor, e non como un produto de propiedade exclusiva.

En momentos difíciles como no que nos atopamos, queremos visibilizar máis que nunca esta rede de medios afins que nos enriquece e convidarvos a velos, seguilos e apoialos. Por moitas máis iniciativas de xornalismo polo apoio mutuo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego