Saúde Mental FEAFES Galicia realiza por décimo ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán arredor de 50 peregrinas e peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitores.
O percorrido comeza o mércores 25 de setembro, en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 27 pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28 quilómetros. Na primeira etapa, os participantes percorrerán os 8 quilómetros que separan Salceda e Arca, ambos no concello de O Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñarán 15,8 quilómetros ata o Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, percorrerán os 4,5 quilómetros restantes ata chegar ao casco histórico compostelán.
Estas etapas realízase pola mañá, xa que pola tarde as monitoras de Saúde Mental FEAFES Galicia e das asociacións participantes organizan actividades e dinámicas para que os peregrinos se coñezan entre si, socialicen e teñan un tempo de recreo e distensión.
Os peregrinos que realizan este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Saúde Mental Ferrol (Narón), Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas) e APEM (Carballo). Ademais, irán acompañados por un grupo de persoas dos Clubs de Ocio que ten a federación nas delegacións de Lugo, Vigo e Santiago. Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo