Trala confirmación de que a Xunta levará aos xulgados ao Concello de Santiago pola ordenanza de ruidos dos locais, as cámara de Nós Televisión falan cos verdadeiros afectados. Suso Pais, voceiro da Asociación Cultural Cidade Vella e dono dun local con actuacións asiduas, explica que esta é “unha sorpresa moi desagradable” e unha “auténtica barbaridade”.
Estamos moi preocupados
“Cando o primeiro Concello en Galicia consegue regularizar a música en directo, agora ven a Xunta e quere impedilo”, comenta. “Legalizar as actuacións non implica barra libre”, engade, facendo referencia aos permisos, seguros, horarios, etc., que regulan a actividade. “Teñen medo de que os demais Concellos fagan o mesmo“, continua, xa que por agora, “se hai unha actuación musical en Lugo, Betanzos ou Lalín é ilegal por non ser acorde á ordenanza da Xunta”.
Coa normativa da Xunta, un mimo non podía actuar no local
Que a cultura é algo universal, ou polo menos debera selo, é algo no que Pais incide, e polo que dende a Asociación Cultural Cidade Vella levan 35 anos traballando. “A cultura é música, exposicións, presentacións de libros, recitais poéticos, mimos…, un mimo coa normativa da Xunta non podía actuar no local, xa me diredes o ruido que fai”, conclúe.