O Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, ten como finalistas na súa décimo sexta edición: a actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate; o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea; e Lorenzo Milá, correspondente tamén de Televisión Española, neste caso en Roma. Ata as 14.00 horas do 3 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir a candidatura gañadora.

Sobre as candidaturas

Mavi Doñate, actual correspondente de TVE en Asia-Pacífico, mostra o seu saber informando de xeito absolutamente comprensivo para a audiencia e tendo unha disposición plena para o labor de correspondente nunha extensísima área xeográfica chea de problemas e conflitos moi específicos. Na actualidade, serve de liña informativa para todas as persoas interesadas na evolución do coronavirus, con epicentro na cidade chinesa de Wuhan.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Fernando Garea, xornalista especializado en crónica parlamentaria, ten unha longa traxectoria en numerosos medios. En xullo de 2018 foi proposto polo goberno de Pedro Sánchez para presidir a Axencia EFE. Un ano e medio despois, en febreiro de 2020, o Secretario de Estado de Comunicación comunicáballe a súa destitución. No sector dos medios eran coñecidas as súas diferencias con algunhas directrices que chegaban desde o executivo á Axencia EFE.

Lorenzo Milá ten unha longa traxectoria como correspondente de TVE, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia do ente público como demostran os informativos que presentou en La 2 e en Telediario 2. Desde o 2014, é o correspondente en Italia de Televisión Española, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre o COVID-19.

Nas edicións pasadas

As quince edicións anteriores estes galardóns en defensa da liberdade de prensa foron para Defende A Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -