O alcalde de Santiago, preguntado pola prensa logo da Xunta de Goberno, asegurou que “non descartan nada” para a xestión da Escola Municipal de Música. Desta maneira quixo zanxar un debate no que está en xogo o futuro desta.
En todo caso sinalou que haberá que analizar polo miúdo os pros e os contras que no caso da remunicipalización serían semellantes aos doutros casos recentes.
Martiño Noriega relatou que a suspensión temporal do procedemento de licitación do servizo e o inicio da declaración de lesividade do prego de condicións do concurso fíxose “ao entender que puido haber un erro de cálculo no estudo económico que motivou a escasa concorrencia ao procedemento e que mesmo podería poñer en risco o propio servizo”.
A CIG-Ensino satisfeita
A asemblea de hoxe na que participaron traballadoras e traballadoresda Escola Municipal de Música foi moi positiva, segundo valorou Rubén F. Monteagudo, secretario comarcal da CIG-Ensino. Asegura que polo de agora os dous obxectivos que se marcara o sindicato están acadados: que non houbera despedimentos e o mantemento das actuais condicións de traballo do persoal.
A central sindical pedirá novas reunións para explorar a vía da remunicipalización, unha opción que aseguran parao alcalde podería ser unha solución a medio prazo.