Os servizos mínimos seguirán vixentes nos xulgados durante un período indefinido de tempo. As negociacións entre as traballadoras e traballadores da Xustiza e a Xunta de Galicia mantéñense estancadas dende a pasada semana, ao seren “moi distantes” as relacións entre ambas partes. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantivo este martes unha xuntanza con representantes das e dos traballadores e amosou a súa solidariedade con esta causa, ao tempo que pediu ao Goberno galego unha “solución inmediata” e “non criminalizar” esta convocatoria de folga.
O pasado xoves, o presidente Núñez Feijóo aseguraba que o seu Goberno tiña presentado ao colectivo “a mellor oferta dos últimos dez anos”, e acusaba ás persoas en folga de non ter “vontade de acordo” para acadar unha solución. Porén, dende o Comité de Folga desmenten esta acusación e sinalan directamente a Alfonso Rueda, conselleiro de Xustiza e vicepresidente da Xunta, quen se “agocha” trala figura do director xeral da Función Pública, José María Barreiro.
Un seguimento masivo en Compostela
Segundo datos ofrecidos polo Comité de Folga, teríanse paralizado arredor de 10.000 xuízos en todo o país, xa que o seguimento está a ser “masivo”. En Compostela, o 80% da plantilla dos xulgados mantense en folga. As vindeiras datas serán clave para desbloquear a paralización e os colapsos na Xustiza ante un conflito que, visto o acontecido este último mes, non terá unha solución doada.