Home Programas Espazo Aberto Marián Ferreiro: “En Narón seguimos apostando pola conciliación e pola fixación de emprego”

Marián Ferreiro: “En Narón seguimos apostando pola conciliación e pola fixación de emprego”

Marián Ferreiro: “En Narón seguimos apostando pola conciliación e pola fixación de emprego”
Marián Ferreiro Díaz (IC)

Marián Ferreiro (Narón, 1977) accedeu ao cargo de alcaldesa a principios da anterior lexislatura en substitución de Xosé Manuel Blanco tamén de Terra Galega (TEGA). Nesta entrevista achega o punto forte do seu goberno: o saneamento das contas que lle permite facer múltiples investimentos.

Fágame unha valoración destes catro anos de mandato en Narón nos que vostede se incorporou como alcaldesa.

Para nós a valoración é positiva e as cifras así o din. O último orzamento foi o máis alto da historia de Narón con 23 millóns de euros, a débeda bancaria é cero e seguimos investindo en servizos. Por eses motivos, a maiores, conxelamos os impostos e mesmo algúns deles baixámolos. Por iso consideramos que é un balance moi positivo.

Salientaría que fixemos adiantos na aposta pola eficiencia enerxética, adiantos en igualdade, en dependencia. Seguimos apostando polos dous piares fortes que temos no concello de Narón que son a cultura e o deporte. Seguimos apostando pola conciliación e pola fixación de emprego. Este último ano abrimos posibilidades para emprendedores con rebaixas fiscais que trataremos aínda aumentar na vindeira lexislatura.

Marián Ferreiro (IC)

Esta vai ser a primeira vez que se presente como cabeza de lista por Terra Galega en Narón. Que propostas ten para continuar á fronte do goberno de Narón?

Nós baseamos o noso traballo en catro eixos que son: unha cidade máis humana, Narón para as persoas, Dinamización Económica e Turística e Vive o Deporte e a Cultura. Hai moito camiño iniciado e consideramos que ten que ter aínda un empuxe.

Queremos que a cidade sexa máis humana, máis accesible, con espazos abertos e sen barreiras arquitectónicas. Mellorar o mobiliario urbano e máis axardinamento e iluminación.

No apartado do deporte e a cultura queremos ter unha programación de primeiro nivel no contedor municipal do Pazo da Cultura mais tamén queremos descentralizar nos distintos barrios e parroquias como viñemos facendo este último ano.

Seguiremos dando cursos de formación e agardamos que a Xunta nos conceda distintas titulacións de acordo coas necesidades que teñen os polígono

Dinamización económica e turística tamén. Nós temos tres polígonos industriais que temos que darlle un pulo un cuarto onde hai espazo libre con rebaixas para as empresas. Seguiremos dando cursos de formación e agardamos que a Xunta nos conceda distintas titulacións de acordo coas necesidades que teñen os polígonos para xestionar mellor a incorporación ao mundo laboral. Tamén a través do turismo cremos que é o momento de poñer en valor o noso patrimonio para xerar economía. Estamos coa sinalización de rutas turísticas.

No apartado de Narón para as persoas queremos ter unha residencia para maiores en Narón. Non temos posibilidade de facela sós mais sempre estivemos a favor de colaborar con outras institucións. Deste xeito fixemos co Centro de Saúde. O concello achegou dous millóns de euros máis os terreos e urbanizaremos todo o entorno. Queremos algo semellante coa residencia de maiores. Ademais propoñemos un Centro Integrado de Formación Profesional e tamén que nos concedan esas titulacións que teñen máis demandas neses polígonos.

Son boas logo as relacións con institucións como a Xunta?

Sempre que demandamos somos conscientes de que temos unha situación económica boa polo que podemos facer inversións en colaboración con outras institucións. O lóxico sería que fixeran inversións sen que nós fagamos achegas como noutros concellos.

Estas serán unhas eleccións con moita fragmentación do voto. Que tal se levan coas outras formacións do municipio?

Agora cogobernamos co PSOE e co BNG. Nós presentámonos para ter unha maioría suficiente para gobernar sós mais non quita que despois das eleccións e unha vez vexamos os resultados teñamos que seguir falando con outros grupos.