Tras pasar uns anos afastada da vida política e centrada no ámbito cultural, María Xosé Porteiro convértese na candidata do PSdeG á adxunta á figura da Valedora do Pobo, un cargo que pasará a ocupar a maxistrada María Dolores Fernández Galiño. Este movemento dentro da institución realizarase este mércores no pleno do Parlamento tras a renuncia de Milagros Otero formalizada a semana pasada.
Porteiro foi deputada no Parlamento galego durante dúas lexislaturas, entre 1989 e 1997, e concelleira do Concello de Vigo entre 1987 e 1991, onde chegou a exercer como primeira tenente de alcalde, e novamente desde 2003 a 2006. Dentro das filas socialistas foi membro da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG entre 1991 e 1994 e ocupou un posto no Comité Nacional socialista desde 2004 e foi deputada no Congreso de 2004 a 2007. Tamén foi delegada da Xunta en Arxentina co bipartito entre os socialistas e os nacionalistas.
Ademais, María Xosé Porteiro presidiu a comisión de igualdade do Consello da Cultura Galega desde 2014 e desde 2018 é membro da comisión executiva desta institución. Ademais, durante a súa etapa no Concello de Vigo foi a primeira concelleira de igualdade de Galicia en 1987. Así e todo, Porteiro levaba uns anos afastada da primeira liña política e estaba centrada na súa actividade cultural. Así, leste mesmo ano a Editorial ‘Galaxia’ publicou o seu último libro, ‘Sándalo‘.