Maria Rei Vilas gaña o Premio García Barros 2020 con ‘Flores e ferro’

O XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega

O xurado do XXXII Premio de novela Manuel García Barros (Ken Keirades) acordou o pasado venres que a gañadora deste certame organizado polo Concello da Estrada e a editorial Galaxia fora María Rei Vilas cunha obra presentada baixo o lema ‘Escoitar a Briana’ e que resultou ser ‘Flores de ferro‘.

Na deliberación a favor desta obra, destacaron que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. “A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime”, sosteñen.

O xurado estivo composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro. O XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés. O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego