Marcos Besada conseguiu no 2007 unha das vitorias máis sonadas do sur de Pontevedra ao gañar ás eleccións nun concello que levaba 31 anos gobernado polo PP. A xestión daquela chegada ao consistorio permitiulle, logo de mudar de siglas partidarias, facer un equipo de traballo que contou co apoio da maioría da cidadanía de Salceda de Caselas.

- Publicidade -

Desde o 2007 é alcalde de Salceda rachando con décadas de goberno do PP. Nestes anos o municipio mudou moito…

No 2007 unha ampla maioría social do concello de Salceda, do conxunto de veciñas e veciños, tomou a decisión de deixar atrás os 32 anos de goberno do PP e apostar por un cambio. Doce anos despois presentámonos a estas eleccións cos deberes feitos e temos as ideas claras. Nós poñemos os intereses do concello por riba de calquera outros. Temos adiantado moito mais queremos e podemos facer máis por Salceda. Imos deixarnos a ata a última pinga de suor, multiplicar os esforzos para seguir transformando Salceda.

Marcos Besada (IC)

O segredo está en escoitar e poñer en activo o que quere a xente, non?

A verdade é que sí. Na política, como na vida, hai persoas que constrúen e persoas que conxugan o verbo destruír. Estas últimas sempre nunca melloran as cousas, buscan a quen culpar cando non funcionan as cousas e falar de males que perciben só elas. As persoas a que nos gusta construír buscamos formas de resolver os problemas. Logo está a constancia. Son as receitas que aplicamos neste marabilloso mundo de traballar polo ben común de todos e todas.

Estes son días de renovar as ilusións porque a ilusión nos move

Eu síntome satisfeito de poder contar ata agora co apoio da inmensa maioría social de Salceda. Non hai que dar un paso atrás. Hai que ollar cara o futuro con visión e ambición. Estes son días de renovar as ilusións porque a ilusión nos move.

Falemos de futuro, que propostas ten agora Movemento Salceda?

Temos avanzado moito. Neste momento está en construción o proxecto máis importante para Salceda nos últimos 25 anos que é a construción do novo centro de saúde. O anterior era de 1977 para unha poboación pequena de 1.900 habitantes, hoxe temos 9.167 veciños e veciñas en Salceda. Logo queremos seguir recuperando espazos para as persoas que agora están ocupados polos vehículos. Queremos recuperalos para as persoas e conectalos coas parroquias colindantes.

Somos dos concellos que máis medramos en poboación infantil nos últimos anos e polo tanto cremos que a primeira galescola que se fixo no 2008 pide outra nova. Apostamos tamén polo saneamento integral do concello. Cando chegamos tiñamos 1.700 vivendas saneadas máis de 3.000.

Imos traballar para ter en Salceda un espazo empresarial que para nós é primordial

Imos traballar para ter en Salceda un espazo empresarial que para nós é primordial. Tentaremos que ese espazo situado no eixo Vigo-O Porriño-Tui-Porto sexa un referente para que calquera proxecto empresarial que se achegue ata o concello poida ser realidade.

Traballar con ilusión e con firmeza por esa Salceda que soñamos. Esa Salceda que está ubicada xeograficamente nun lugar privilexiado na Área Metropolitana de Vigo, o máis dinámico do país e tamén aproveitando a nosa situación fronteiriza co norte de Portugal que está a experimentar un crecemento impresionante e que temos que aproveitar.

Nestes anos o traballo da oposición foi construtivo? Nunha hipotética corporación sen maiorías é fundamental levarse ben…

A verdade é que non é construtivo. Estamos a vivir nestes últimos meses situacións que algúns criamos aparcadas no ano 2007. Hai unha campaña de acoso e derribo por parte do PP que está aproveitando un suposto conflito laboral que en realidade agocha un proceso de demolición cara o goberno municipal utilizando a algúns traballadores e os seus representantes sindicais e coa complicidade, neste caso, do PSOE. Os socialistas decidiron no ano 2015, sen moito sentido porque a Deputación de Pontevedra estivo presidida por Carmela Silva tamén socialista, aliarse co PP nesta lexislatura e deixou atrás ese acordo que desde o ano 2007. Foi unha lexislatura moi difícil, ademais cos recortes que hai nestes momentos no Estado español debido á Lei Montoro.

Temos que parar ao PP e impedir que regrese á alcaldía

Eu fago un chamamento á reflexión. Temos que parar ao PP e impedir que regrese á alcaldía e polo tanto impedir que regrese o caciquismo, a especulación urbanística, que regrese a persecución ao discrepante, que regrese o enchufismo ao acceso aos empregos públicos municipais. Quero facer unha reflexión ás outras forzas que lexitimamente se presentan a estas eleccións para que non vaia ser que os votos do PSOE ou do BNG acaben favorecendo o regreso e a chegada de novo desas políticas do PP que desde logo unha ampla maioría no 2007 decidiu desterrar.

Movemento por Salceda somos unha organización seria. A xente coñécenos perfectamente e saben o que queremos e tentaremos acadar unha ampla maioría social que nos permita transversalmente e contando con todos e todas, e tendo sempre en conta que o noso adversario político é o PP e a dereita e a ultradereita que agora agroma no Estado español.

En moi pouco tempo haberá eleccións ao Parlamento galego e moi pouca xente entendería que esa pinza entre PP e PSOE fixera que Salceda regresara ao pasado. Non podemos dar un paso atrás. Queremos e podemos facer máis por Salceda.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego