Visitar Manzaneda por estas datas é voltar atrás no tempo. A diferencia doutros entroidos que viron como a celebración urbana mudou en grande medida o espírito propio da festa, o Entroido das terras altas do oriente ourensán manteñen case sen alteración a mesma estrutura e personalidade de sempre.
Dani Dominguez, máis coñecido polo seu alcume de “Tariro”, vive estes días con paixón. É unha das “mázcaras” do Fulión “Mourela para acá” e desde Bidueira, unha das parroquias deste municipio, conta que o propio aillamento desta zona puido ser a causa de que se conservara tan ben.
“Seguimos coa tradición que nos explicou a xente maior”, conta, “a súa palabra é sagrada”. Respecto e tamén orgullo de ver como a participación é un dos seus elementos máis característicos.
“Aquí temos un veciño con cinco fillos e a que participa é a máis pequena, non lle pechamos a porta a ninguén que queira participar”.
A mázcara e outras figuras
A festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, ten a súa continuidade nunha representación teatral de carácter satírico onde a propia veciñanza deixa en evidencia, con humor, os temas de actualidade que afcetan á propia colectividade.
O que define ao Fulión é a Mázcara é estar acompañada por veciñas e veciños que percuten en bombos, aixadas e gadañas. O seu son característico conta tamén con cornas que marcan o os movementos das Mázcaras que teñen unha particularidade única: xiran ao redor do seu propio eixo.
A sociabilidade dos Fulións vén marcada, tamén, pola seu propio funcionamento a través de intercambios entre parroquias. Cando un Fulión visita outro lugar pide permiso con diálogos en verso que son contestados do mesmo xeito antes de empezar.
No percorrido entre as casas acompañan tamén outras figuras como o “oso e o domador” e o “touro e o toureiro”.
A Fuliada
“Tentaremos que non se perda”, explica Dani Domínguez, “pasou por tempos moi complicados como cando se tiña que pedir permiso ao cura e á Garda Civil e aínda así seguíu”.
Este ano a última ocasión para ver os Fulións en Manzaneda será o 5 de marzo co desfile pola vila a partir das 11:30 horas. Logo haberá un xantar con prezos populares para todas as persoas asistentes.