Home Programas Espazo Aberto Manifestacións o 30 de xaneiro en Coruña, Compostela e Vigo en defensa das pensións

Manifestacións o 30 de xaneiro en Coruña, Compostela e Vigo en defensa das pensións

0
Manifestacións o 30 de xaneiro en Coruña, Compostela e Vigo en defensa das pensións

“Defendamos as pensións”. Con este lema, os sindicatos CUT, CGT, STEG, o Sindicato Ferroviario, o Sindicato da Elevación e o PROSAGAP convocan este 30 de xaneiro manifestacións na Coruña, Compostela e Vigo ás 19.30 horas. As centrais sindicais consideran que “non podemos admitir que se normalicen e se consoliden as consecuencias das nefastas políticas capitalistas e austericidas que se nos impuxeron coa escusa da crise para salvar aos poderes económicos das súas propias decisión voraces e insaciables de acumulación de poder e de diñeiro”.

As sindicalistas presentaron o manifesto á prensa ás portas do Parlamento de Galicia e salientaron que “os sindicatos convocantes consideramos que xa é hora de dicir basta, porque só desde a loita na rúa poderemos reconducir a actual desproporción no reparto da riqueza”.

O 30 de xaneiro iniciarán un periodo de mobilizacións por toda Galicia, con manifestacións en Vigo, Compostela e A Coruña, co obxectivo de “esixir a derrogación dos recortes nas pensións das reformas de 2011 e 2013, retornando á xubilación ordinaria aos 65 anos, á xubilación anticipada aos 61, con 30 anos de cotización, reducindo as penalizacións, eliminando o factor de sostibilidade, garantindo a revalorización das pensións polo menos co IPC e establecendo unha pensión mínima de 1080 euros, entre outras medidas que as pensionistas están reivindicando con forza en Galicia e no conxunto do Estado”.

No manifesto recollen que chaman á mobilización para esixir tamén a derrogación das reformas laborais que só trouxeron precariedade e incerteza para as traballadoras e os traballadores, introducindo garantías na contratación, na xustiza salarial, na estabilidade no emprego e no respecto á dignidade das condicións de traballo”. “Hai que acabar coa brecha salarial e de pensións entre homes e mulleres, establecer un Salario Mínimo Interprofesional de 1.200 euros mensuais, reducir a xornada laboral a 35 horas sen reducir o salario, eliminar as xornadas parciais impostas especialmente ás mulleres e garantir o dereito á subrogación no emprego subcontratado”.