O novo goberno no Estado español debulla un escenario distinto para Compostela e abre unha oportunidade para que a cidade poida ver executados, por fin, os compromisos pendentes do goberno de España coa veciñanza compostelá. Hoxe o grupo local do BNG presentou unha iniciativa que trasladarán ao vindeiro Pleno Municipal solicitando unha petición conxunta da corporación para “incluír na axenda política do estado os asuntos pendentes coa cidade”
As catro tarefas pendentes coa cidade segundo o BNG
Deste xeito, Rubén Cela enumerou hoxe as catro tarefas pendentes coa cidade. Trátase pois, da eterna execución completa do enlace orbital, da humanización e mellora da seguridade viaria na rotonda de Conxo, da clarificación dos trámites ambientais para construir a nova Depuradora na Silvouta e do compromiso en retirar a clausura dos 3,5 millóns de pasaxeiros da futura estación Intermodal.
E ademais…
E ademais dos asuntos pendentes coa cidade, o BNG local tamén quere inserir nesta iniciativa outras propostas que, ao longo desta lexislatura, o seu grupo vén solicitando en diversas ocasións como é a construcción dunha nova estación de mercadorías na Sionlla, unha serie de aspectos relacionados co aeroporto (Plan de rutas, materialización do cambio de usos e un plan de usos para a vella terminal), a mellora da da seguridade viaria da N-550 e, finalmente, a cesión dos terreos do campo de tiro de Bando