O Concello de Santiago presentou hoxe os resultados da convocatoria de bolsas municipais escolares para o curso 2018/19. Desta volta, 1196 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos optan a estas axudas, é dicir, o 14% do censo total das persoas comprendidas nesta franxa de idade.
Tres modalidades de bolsas
Neste curso, o Goberno local incrementou a contía a 585.900 euros, multiplicando por seis o orzamento do ano 2015. Como novidade, cómpre salientar que o Concello outorgará estas subvencións nas modalidades de comedor, actividades extraescolares e material escolar. As bolsas para material escolar consistirán nun pago único de 60 euros, namentres para actividades extraescolares haberá unha contía fixa de 30 euros. No tocante ao comedor, o máximo será de 90 euros ao mes.
Prazos
Dende Raxoi informan que as persoas solicitantes terán do 8 ao 23 de agosto para emendar documentación. Asemade, “para presentar o certificado de ter reserva de praza no centro escolar será suficiente con que no prazo anterior presenten unha declaración xurada ao respecto, dado que en agosto os centros están pechados”.