Home Programas Espazo Aberto Máis divulgación e mellor xornalismo para protexer o patrimonio galego

Máis divulgación e mellor xornalismo para protexer o patrimonio galego

0
Máis divulgación e mellor xornalismo para protexer o patrimonio galego

A Rede do Patrimonio Cultural lanzaba a campaña #QueSeVexaOPatrimonio pola visibilización do patrimonio galego na CRTVG. Nun comunicado, solicitaban “a creación de espazos informativos e divulgativos dedicados especificamente ao Patrimonio tal e como se esixe na lei e na norma, baixo as que está adscrito o ente público galego.” Ademais, solicitaban unha reunión no Parlamento, que terá lugar en datas vindeiras.

Unha das asociacións máis activas nesta campaña é O Sorriso de Daniel, asociación de ámbito galego que ten por fin principal divulgar o románico da Galiza e para iso, piden un programa de patrimonio na CRTVG: “Porque hai moito que contar, moito que descubrir, moito do que se gabar, moito que defender.”

Profesionais e colectivos apoian a campaña e esixen máis contidos divulgativos e un tratamento informativo “constructivo” dos problemas patrimoniais, coma do patrimonio costeiro. Patricia Mañana-Borrazás é arqueóloga e dirixiu unha intervención arqueolóxica no Guidoiro Areoso, na ría de Arousa: “O Areoso está sufrindo día a día e non se fai nada”. Para Luis Leclere, do colectivo A Rula, “as administracións só actúan con agresións ao patrimonio onde hai alarma social; o resto, é esquecido e queda abandonado á súa sorte.”

Algo do que tamén se queixan é de que sempre se fala de patrimonio en chave negativa, por exemplo cando hai un hai ben patrimonial protexido que paraliza unha obra, como se fose “un problema”, transmitindo unha idea negativa á sociedade. Tamén en casos mediáticos como, poñen como exemplo, “as pintadas na catedral de Santiago”. Piden polo tanto unha información positiva e divulgadora de posta en valor, en especial nos medios públicos galegos, que “pagamos todos”. A idea semella obvia e sinxela: para que a cidadanía galega poña en valor o patrimonio do país, primeiro ten que coñecelo: “tentar tratalo de xeito positivo, de como o patrimonio fala da nosa historia e fala de nós”, explica Mañana-Borrazás.