Lembrar é contar co pasado. A Asociación de Escritores e Escritoaras en Lingua galega (AELG) rendiu unha sentida homenaxe a dúas persoas que ben merecen ser lembradas: a escritora Luz Fandiño e o músico Manuel Pazos “Pazos de Merexo”.
Foi na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria tivo como escenario o vello cárcere de Lugo, un espazo municipal recuperado para a cultura. Contou co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo dentro do programa “Lugo, Capital galega da Literatura de Tradición Oral”.
O acto conducido por Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Marica Campo, Lois Pérez que leu a laudatio de Luz Fandiño, e Antonio Reigosa, que foi encargado de ler a laudatio de Manuel Pazos, Pazos de Merexo.
A tradición viva
Antonio Reigosa salientou de Manuel Pazos que é moi importante pois só el e uns pouquiños tocadores (Sindo de Olelas, Edelmiro de Irixo e Manuel Calvo) tocaban o diatónico ao estilo “galego” a finais do s. XX”.
De Luz Fandiño falou Lois Pérez para dicir que “foi quen, nun contexto moi adverso, de vencer as fronteiras do pensamento e acadar precisamente algo de luz. O pensamento foi feito para rivalizar co soño, nesta viaxe que todas nós facemos ao imposíbel”.
O presidente da AELG agradeceu a colaboración institucional e afirmou que “na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sabemos que a tradición oral de noso axudou a crear o espello onde nos ollar con dignidade cando no relato da historia que nos foron contando non nos recoñecíamos”.