Home Espazo Aberto Cultura Luis Zahera, Premio Cinema Galego

Luis Zahera, Premio Cinema Galego

0
Luis Zahera, Premio Cinema Galego

Luis Zahera recibirá o Premio Cinema Galego no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá na vila pontevedresa entre o 6 e o 14 de setembro. Ademais, o público do FICBUEU 2019 poderá coñecer en profundidade a traxectoria do actor compostelán no Encontro con Luis Zahera que se desenvolverá o sábado día 7 no Centro Social do Mar, a partir das 18 horas.

O Encontro con Luis Zahera porá de relevo unha das facetas máis descoñecidas do ‘Petróleo’ de Mareas Vivas coa proxección de tres traballos curtos. A curtametraxe O matachín, dirixida por Jorge Coira en 1996 e protagonizada por uns novísimos Zahera e Tosar, está xa considerada un clásico do audiovisual galego. Marina, de Álex Montoya, é unha obra de 2010, pois o homenaxeado nunca deixou de traballar neste xénero. A sesión completarase cun capítulo de Entre pipas, a singular webserie que coprotagoniza canda Xúlio Abonjo.

O acceso ao Encontro con Luis Zahera será de balde, pero debido ao aforo limitado da sala é preciso retirar no mesmo día un convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar, que estará aberto de 10 a 12:30 horas pola mañá e a partir das 17 horas na tarde.