O mes de agosto e os inicios de setembro sempre foron datas dunha importante mobilidade vacacional que, co bo tempo, datas propicias para realizar actividades no exterior. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, pensou aproveitar esa circunstancia e co apoio da Deputación de Lugo organizará por terceiro ano consecutivo tres novas feiras en Monforte, Lugo e Viveiro coas que dar a coñecer os alimentos máis achegados á terra.
“Lugo conta coa maior superficie deste tipo de produción en Galicia, 14.846 hectáreas, que representan o 47% do total”, sinalou na presentación da actividade o Vicepresidente da Deputación e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández, en relación á importancia deste sector na Provincia.
Tamén participaron na presentación a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; o concelleiro do Mar de Viveiro, Jesús Fernández; e o presidente de CRAEGA, Francisco López.
Terceira edición
A deste ano será a súa terceira edición coa intención de informar, concienciar e achegar á poboación o produto ecolóxico, ademais de dar a coñecer os seus beneficios para o medio ambiente e para as persoas. Outra das intencións destas feiras é fomentar a comercialización directa, achegando os produtores e elaboradores bio de toda Galicia ao consumidor.
Nestas feiras poderanse degustar gran variedade de produtos certificados como plantas aromáticas, carne, viños e licores, marmeladas, froitas, hortalizas, conservas de peixe, mel ou lácteos, entre outros alimentos.
As feiras terán lugar en Monforte de Lemos os días 23, 24 e 25 de agosto, en Viveiro os días 30,31 e 1 de setembro e, finalmente, en Lugo os días 4, 5 e 6 de setembro. Durante eses días de feira haberá xogos, obradoiros infantís, concursos e demostracións de cociña, entre outras actividades.