Luar Na Lubre sacará este venres o seu novo álbum ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’

O 19º traballo discográfico do grupo, que inclúe un cedé recompilatorio, explora os escritos, as sonoridades e as pegadas que os viaxeiros deixaron ao seu paso polos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago en Galicia

O vindeiro venres 26 de xuño sairá á venda Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, o novo disco de Luar Na Lubre. O 19º traballo discográfico do grupo trátase dun álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias de quen percorreu os sendeiros: os peregrinos. O disco, editado por Warner Music e producido por Mirmidón, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.

O título do disco é un xogo de palabras que fai referencia, precisamente, as historias de fondo que son protagonistas neste traballo: o factor humano da ruta xacobea. Tal e como explica Bieito Romero, “as vieiras son o símbolo máis recoñecible de Santiago como apóstolo e tamén dos peregrinos que, en numerosas ocasións, levaron para a súa terra desde as nosas praias. Estes viaxeiros foron e son os portadores das vieiras quen, co seu camiñar, construíron e seguen a construír os vieiros que conforman as diferentes rutas xacobeas, desde o Camiño Primitivo até os numerosos sendeiros que hai na actualidade. Eles, que levan as vieiras, fan os vieiros”. Vieiras e vieiros, historias de peregrinos inclúe tamén un segundo disco que recompila algúns dos temas de Luar Na Lubre vinculados á ruta xacobea ou ao nacemento da mesma.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego