Home Programas Área Compostela “Lorca quixo escribir en galego e deu un tesouro para a nosa cultura”

“Lorca quixo escribir en galego e deu un tesouro para a nosa cultura”

0
“Lorca quixo escribir en galego e deu un tesouro para a nosa cultura”

García Lorca, o grande poeta andaluz, tivo hoxe unha merecida homenaxe no Teatro Principal de Compostela. A iniciativa partiu da editorial Alvarellos e o concello de Santiago a través das concellarías de Acción Cultural e Educación e Cidadanía.

O editor Henrique Alvarellos explicou a Nós Televisión porque escolleu a data do 25 de outubro para lembrar ao autor dos “Seis poemas galegos”. Ese día, en 1916, García Lorca coñecía Galicia por vez primeira nunha viaxe que lle impactou como fixo saber en máis dunha ocasión.

Institucionalización da proposta

A editorial Alvarellos publicou este mesmo ano un volume que recolle precisamente esta viaxe e a idea é que se institucionalice esta data primeiro a nivel municipal e logo a nivel galego. Por este motivo agora foron Compostela e logo será Redondela os lugares onde se realicen actos de homenaxe. “En Redondela será na propia estación de tren posto que foi alí onde Lorca escoitou por vez primeira a nosa lingua”.

O poeta andaluz voltaría tres veces máis en 1932 a nosa terra, o mesmo ano en que publica o seu primeiro poema en galego que máis tarde, en 1935, pasarían a ser os seus “Seis poemas galegos”.

Homenaxe escolar

O acto de hoxe no Teatro Principal de Compostela reuniu a case 400 escolares de seis colexios da cidade enel participaron o editor Henrique Alvarellos e os concelleiros de Educación e Cidadanía, Manuel Dios e de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

A homenaxe tivo o seu apartado audiovisual a través dun video realizado polo grupo Luar na Lubre musicando un dos seus poemas máis coñecidos, “Chove en Santiago”, e tamén o recitado dos versos que figuran en todas as edicións das súas Obras Completas, feito que, segundo Alvarellos, sinala a este autor como un dos máis editados a nivel mundial na nosa lingua.

Emotivo foi tamén o mural que construiron as educadoras e no que se reuniron os nenos e nenas das escolas. Ao mesmo tempo o poema musicado e pegaban as fotos que sacaron xunto coas súas familias pola zona vella da cidade.